jueves, 22 de noviembre de 2012

Presentación e datos sobre o proxecto

Neste breve post tentaremos dar unha visión xeral e descriptiva sobre o proxecto da mina de ouro de Corcoesto e non afondaremos na problemática e o conflicto xerado entre as distintas partes implicadas.

A mina situaríase en Corcoesto, unha parroquia do municipio de Cabana de Bergantiños, na Costa da Morte e a 60 km da cidade de A Coruña. A mina ocuparía espazos de uso agrícola, gandeiro e forestal e estaría moi preto de núcleos de poboación como Montefurado ou Castro así como do río Anllóns.

Futuro emprazamento da mina
A explotación sería a ceo aberto e ocuparía arredor de 700 ha e cun diámetro de entre 1,5 km y 2 km. Nela existirían tres pozos dos que se extraería o mineral: Pozo do Inglés, Pozo de Picotos e o Pozo de Petón do Lobo.

Ademáis da mina propiamente dita a explotación precisará dunha balsa de lodos que conterá 17 millóns de toneladas de materiais extractivos dos cales boa parte sería auga e cianuro necesarias para o tratamento do mineral. Tamén serán necesarias plantas de tratamento, edificios auxiliares e infraestructuras viarias e de suministro de enerxía.

Espacios ocupados pola explotación.
Aínda que nun principio a mina é a ceo aberto contémplase a posibilidade de que se poida
continuar explotando mediante un sistema de galerías.

Unha vez acabada a explotación da mina a empresa conta cun plan de recuperación co fin de devolver a zona ás características medioambientais coas que conta na actudalidade. Esto implicaría o recheo progresivo dos furados creados para extraer o mineral, unha reforestación da zona con especies autóctonas e a anegación do pozo de Petón do Lobo.

Según datos da empresa Edgewater Exploration, promotora do proxecto, cunha inversión inicial de 135 millóns de dólares e cunha vida útil da mina de case 10 anos, esperan producir unha cantidade de algo máis de 100 mil onzas de ouro anuáis que reportaría unha media de ingresos anuáis netos de 60 millóns de dólares.

En canto os datos medioambientais e de contaminación da mina facilitarémolos nunha próxima entrada que adicaremos exclusivamente a iso.



A continuación deixámosvos dous vídeos explicativos. Un realizado pola empresa que amosa os principais rasgos da mina dunha forma máis gráfica. E o segundo, un reportaxe da TVG, máis concretamente do programa Reporteiros, no que podemos observar unha visión xeral do proxecto así como o conflicto entre as distintas partes interesadas.

Edgewater Exploration Corcoesto Gold Project Overview




Reporteiros TVG






A mairoría dos datos que aportamos neste post foron facilitados pola empresa Edgewater Exploration, a pregunta é podémonos fiar deles? A vós que vos parece?


Firmado: Arturo y Daniel.

sábado, 10 de noviembre de 2012

Entrevista a fondo á Plataforma pola defensa de Corcoesto

Nesta entrevista, Paco García empadroado en Corcoesto e exercendo de portavoz da Plataforma pola Defensa de Corcoesto, trata de expresar o que moitas persoas coma él e os seus compañeiros están vivindo no concello, así como o pesar que sinten vendo o que poden perder se finalmente esta mina é aberta.

Tentaremos presentar así a súa situación na seguinte entrevista.


-¿Cales son as razóns polas que estades en contra da apertura da mina?

Este é un proxecto altamente contaminante, que destrúe o noso modo de vida, a nosa economía local, provoca división social e danos irreversibles na nosa terra.

A superficie afectada pola mina vai ser de unhas 700 Ha de monte arborado e produtivo de moi boa calidade, que constitúe un importante sustento económico para os veciños de Corcoesto.

As fontes de auga que se atopan na area afectada pola explotación van a desaparecer, xa que as cortas do terreo chegan a profundidades de ata 300 m, moi por debaixo do nivel freático. Estas fontes, abundantes e de moi boa calidade, abastecen ó 80% dos fogares da parroquia, polo que a súa perda suporía un retroceso na nosa calidade de vida, sobre todo si se ten en conta que o abastecemento se fai sen custe para os veciños a través de traídas veciñais.

A economía local ligada ó medio veríase moi gravemente afectada. Actividades como a gandería, a agricultura, as explotacións forestais e o turismo rural, son totalmente incompatibles coa actividade mineira. Ademais das perdas do potencial económico derivado destas actividades, os veciños sufriremos un perda moi importante do valor do noso patrimonio. Os nosos montes serán expropiados e os nosos bens inmobles, casas e fincas, perderán todo o interese que puideran ter para persoas que procuran unha segunda vivenda nunha contorna natural privilexiada, tranquila e afastada dos núcleos urbanos, xa que o desenvolvemento da vida na parroquia con unha actividade altamente contaminante e ruidosa, veríase gravemente afectada.

A actividade mineira ten previsto un consumo de auga de máis de 1 millón de litros diarios, a cantidade de cianuro de sodio a empregar diariamente e de 1,4 tn e vaise  construír unha balsa de lodos cunha superficie aproximada de 1.800.000 m2 que albergará uns 17 millóns de toneladas de materiais extractivos, dos cales máis de 100.000 tn son residuos contaminados con cianuro, procedentes do proceso de lixiviación. É dicir, residuos perigosos que quedarán para sempre nos nosos montes.

Algúns  fogares de Corcoesto están situados a menos de 70 m de distancia dos furados, a menos de 200 m da balsa de lodos, e a uns 30 m da planta de tratamento.

As quendas de traballo previstas serán de 12 horas as 24h do día. Construirase unha planta de tratamento que ocupará unha superficie de uns 30.000 m2. Esta planta albergará tres muíños de moenda que trituraran o mineral onde se atopa o ouro a diferente granometría traballando as 24h tódolos días, o que, xunto co resto da maquinaria empregada, provocará unha contaminación acústica que perturbará gravemente, como xa se ten dito, a tranquilidade da parroquia.

Na actividade mineira está previsto empregar dinamita cunha frecuencia dunha voadura por día. No proxecto contémplanse dous tipos de voaduras, a tipo A e a tipo B. A tipo A é a máis agresiva, pois precisa de 2.700 barrenos capaces de arrincar 38.000 m3 de material en cada voadura. Isto provocará, sen dúbida, danos nas estruturas das nosas vivendas e afectará de xeito moi significativo ó gando, a outros animais domésticos e a fauna salvaxe.

As verteduras previstas de materiais pesados (Níquel, Arsénico, Chumbo) superan os límites legais. Estes metais son arrastrados polas augas de escorrenta e van parar directamente ó río Anllóns que virte as súas augas en zonas moi ricas para o marisqueo, como son o estuario de Cabana e a ría de Corme e Laxe.

O proxecto mineiro vaise a desenvolver moi preto do río Anllóns, que é un lugar Lugar de Interese Comunitario (LIC). En caso de calquera accidente todo vai parar ás súas augas, polo tanto, as rías de Cabana, Corme e Laxe, estarán permanentemente en perigo durante o tempo de actividade da mina, e despois, por centos de anos, polos residuos acumulados pola mina depositados nas balsas.

-¿Que vos levou a organizar esta plataforma?

A plataforma constituíuse para defender os intereses da parroquia, do seu patrimonio natural, do seu modo de vida e da súa economía ligada ó medio. É unha iniciativa que xurde porque os veciños de Corcoesto sentímonos totalmente indefensos ante as nosas administracións (Xunta e Concello) que claramente se manifestaron como partidarias da apertura da mina, e polo tanto, nunca nos tiveron en conta nin nos teñen. No caso do Concello, digamos, do Alcalde de Cabana de Bergantiños, o desprezo cara ós veciños foi e é total, e mesmo intentou, nun primeiro momento, unha persecución “policial”, propia doutros tempos, contra os membros da plataforma.

Como sociedade civil que somos, organizada a través da figura de plataforma, non queremos que destrúan e vendan a prezo de saldo a nosa parroquia. Queremos o noso patrimonio e queremos desfrutalo, explotalo de xeito sostible e deixalo en herdanza para que as xeracións vindeiras tamén o poidan desfrutar.


-¿Que accións estades levando a cabo para loitar contra a mina? ¿Tiveron algún efecto ata o momento?

Temos presentadas alegacións ó proxecto cando foi sometido a exposición pública mediante a súa publicación no DOGA. As alegacións, apoiadas en informes técnicos, foron asinadas por máis de 1.300 persoas. Ao mesmo tempo fomos establecendo contactos e mantendo reunións con diversos partidos políticos, algún dos cales, concretamente o  BNG, foi quen de levalo ao Parlamento de Galicia e ao Parlamento Europeo.

Ademais do anterior, levamos a cabo unha labor de divulgación e de información do proxecto tanto con veciños coma cos medios de comunicación e por suposto tamén, prestámoslle especial atención ás redes sociais como ferramenta de comunicación das nosas actividades e das nosas preocupacións.

Desde a plataforma mantivemos contactos con outras asociacións ecoloxistas, e en especial con Verdegaia, que colaborou con nós dende o principio e sigue colaborando de maneira moi activa.

Tamén estamos facendo un seguimento especial de toda a normativa e a lexislación aplicable ás actividades mineiras que nos permita actuar contra este proxecto, e tratamos, dentro das nosas posibilidades, de velar polo axeitado cumprimento da normativa, tanto por parte da empresa mineira como por parte da Xunta de Galicia.

En xeral consideramos que todas estas accións teñen logrado e operado moitos efectos importantes. Quizais o mais destacable, polo seu impacto de cara ó público, sexa o feito de ter mostrado unha clara oposición da veciñanza ao proxecto mineiro. Esta oposición pública, canalizada a través dos medios de comunicación, logrou contrarrestar a propaganda da empresa mineira e do propio Concello de Cabana a favor do proxecto. A aparición da plataforma non lles facilitou as cousas fronte a cidadanía de Corcoesto nin da Comarca, pois esta tivo a oportunidade de comprobar e coñecer a realidade do despropósito que se pretende levar a cabo na nosa parroquia coa complicidade das autoridades.


-¿Onde estades atopando unha maior oposición (Empresa, Concello, Xunta), e cales pensades que son as razóns, quizais un interese a maiores do económico da empresa? ¿Político quizais?
Como xa manifestamos, a oposición atopámola en todas as administracións, tanto a nivel autonómico como a nivel do Concello. A empresa mineira, por suposto, fai o seu traballo, aínda que os seus métodos non son os mais axeitados para empregar nun país desenvolvido como Galicia. Pero isto débese a que están acostumados a traballar en países onde as persoas teñen poucos dereitos e pouca capacidade para facelos valer.
O feito de que a Xunta de Galicia estea tramitando este proxecto como “industrial estratéxico” amparándose nunha lei que permite todo con tal de crear 250 empregos, dando igual a duración e as condicións dese emprego, transmítenos unha pobre e cativa visión do país. Si a isto engadimos que o proxecto utiliza unha tecnoloxía altamente contaminante e nada innovadora, a actuación da Xunta é aínda mais cuestionable, si cabe.
Como plataforma consideramos que a tramitación deste proxecto como estratéxico é unha trampa e un engano ós cidadáns que lle permite á empresa unha tramitación vip, facilitándolle moitos dos requisitos e saltándose moitos dos prazos que obrigatoriamente debería cumprir e observar para obter a autorización de explotación mineira.
No que se refire ó Concello, a súa subordinación a empresa e total. O Alcalde comprácese de posuír máis de 500 curriculums para traballar na mina, actuando así como director de recursos humanos da empresa. Este persoal é seleccionado a dedo, sen ningún pudor, por parte do Alcalde, e sen atender a ningún tipo de méritos nin puntuación que lle outorguen un escalafón atendendo a criterios de valoración profesional e xustiza social, o que claramente constitúe unha actividade caciquil á antiga usanza.
O seu trato cos veciños que rexeitan a mina deixa moito que desexar, utilizando prácticas represivas que criamos esquecidas xa hai décadas.
Os políticos, tanto a nivel Autonómico cono Local, intentan vender o proxecto como unha gran oportunidade de creación de emprego e de inxección económica para a zona, coa intención de sacarlle réditos políticos e "quizais algúns máis". A súa credibilidade neste momento é nula, e con respecto a isto nós afirmamos que o proxecto mineiro é pan para hoxe e fame para mañá.
Por parte da empresa, o feito de que todos os políticos estean traballando para eles, facilítalle moito as cousas. Como xa dixemos, eles fan o seu traballo. Aprovéitanse dos veciños que poden para acceder ós seus montes ó menor custe posible, e xogan coas falsas promesas de creación de postos de traballo e de prosperidade económica para a zona, pregoadas ós catro ventos, para convenceren á xente que ten os oídos moito mais receptivos nunha situación de crise económica xeneralizada.

-¿Existe algún partido político que vos apoie especialmente?

O único partido que levou o tema ó Parlamento Galego e ó Parlamento Europeo foi o BNG, pero danos a impresión que non cala o suficiente nas súas conciencias este problema, posto que algunhas das súas manifestacións, tanto a nivel Local como Autonómico, foron un tanto ambiguas.

Isto non foi así en Europa xa que a súa europarlamentaria Ana Miranda, fixo unha oposición moito mais firme ao proxecto a través do grupo dos Verdes. Nestes momentos tamén temos unha reunión pendente con Alternativa Galega de Esquerda e co PSOE.

Outro partido que nos apoiou moi activamente desde o principio e que sigue colaborando de maneira moi estreita con nós, é o Partido da Terra, que ten amosado unha sensibilidade especial por este asunto.


-Coñecedes casos semellantes de reapertura de minas de ouro, e nese caso ¿Existen plataformas como a vosa que se opoñan?

Coñecemos a plataforma Oro No en Tapia de Casariego en Asturias e incluso un  amplo número de veciños viñeron a Corcoesto a apoiarnos e a solidarizarse con nós. Foi un contacto moi importante para nós, que seguimos mantendo a través das redes sociais e do correo electrónico.

Eles conseguiron rexeitar un proxecto moi parecido ó noso e coa mesma empresa. Agora parece que a empresa volve a intentalo, pero de xeito subterráneo a través de galerías.

Outro contacto que mantemos e con veciños de Esquel, na Arxentina, cos que compartirmos a mesma loita e as mesmas preocupacións en contra da minaría a ceo aberto.


 -¿Pensades que existe algunha alternativa factible á mina que poda xerar emprego?¿Cales pensades que poderían ser esas potencialidades na zona?

Pensamos que existen moitas alternativas respectuosas co medio, xeradoras de emprego e sostibles a longo prazo. Por exemplo:
-Explotacións de vacún de carne.
A raza rubia galega é unha das máis estendidas na nosa Comunidade Autónoma. No canto de utilizar os montes para un proxecto mineiro, unha boa alternativa sería a de unir e cercar a maior extensión de monte co fin da produción de carne, xerando así postos de traballo e mantendo limpos os montes evitando incendios forestais.
-Fungos.
Utilizar os nosos montes para realizar unha plantación de fungos comestibles sería outra alternativa viable e xeradora de valor para a nosa parroquia, xa que este produto está cobrando unha crecente importancia no sector alimentario.
-Horta.
Corcoesto é unha parroquia que destaca pola fertilidade do seu solo, o que a fai apta para a produción hortícola.
A xente de Corcoesto podería constituír unha cooperativa de produción hortícola. Isto podería facerse poñendo en común terreos, orientando as producións cara a variedades autóctonas galegas, planificando axeitadamente os cultivos e dirixindo estas producións cara as canles curtas de comercialización, fundamentalmente a través da venta directa ao consumidor final e á canle HORECA.
Neste ámbito, tamén existen outras experiencias desenvolvidas co apoio da gran distribución, como GADISA e VEGALSA-EROSQUI, que garanten a compra de todas as producións locais de temporada a prezos razoables para os produtores. Estas experiencias, aínda que con unha estratexia comercial totalmente diferente ás anteriores, teñen contribuído á xeración de riqueza e emprego nos lugares onde se desenvolveron, e a través delas, recuperáronse para a produción terras abandonadas.
- Centro de recuperación de especies autóctonas.
En Galicia existen diversas especies autóctonas en perigo de extinción, como poden ser: No gando bovino, as razas Cachena,Caldelá, Frieiresa e Vianesa, a ovella galega,a galiña de Mós, o cabalo de PRG, o porco Celta, e a cabra autóctona. Para a recuperación destas especies existen diversos centros como poden ser " O Veral" en Lugo e o de Rodicio en Ourense, nos que se leva a cabo unha labor de cría destas especies. Pensamos que se poden desenvolver iniciativas de cría de estas especies e de comercialización destes produtos a través dos circuítos curtos de comercialización e de procesos de transformación xeradores de valor engadido.
-Forestal
Os montes de Corcoesto, coma outros moitos en Galicia, poden facerse máis rendibles a través dunha xestión forestal ordenada. Na actualidade existen fórmulas de xestión forestal baseadas no asociacionismo que permitirían incrementar a rendibilidade do noso monte e ao mesmo tempo contribuirían á xeración de emprego derivado da necesaria conservación e mantemento.
Non podemos perder de vista que o monte é unha fonte de riqueza (e de aforro para os seus titulares), que permite o desenvolvemento de actividades complementarias á básica de produción de madeira, como as xa mencionadas gandería, a produción de cogomelos, e outras como a produción de material vexetal para biomasa.

- Embotelladora de auga.
Tendo en conta a boa calidade da auga da nosa parroquia e sabendo que co proxecto mineiro as fontes, pozos... van desaparecer, poderíase seguir co autoabastecemento e mesmo crear unha embotelladora de auga. Esta proposta non necesita unha gran estrutura nin ten un custe moi alto.
- Formación e rehabilitación de vivendas con criterios de bioconstrución
Esta é unha actividade en expansión con potencialidade para a creación de emprego a través de procesos de rehabilitación de vivendas con materiais ecolóxicos e locais, que aportarían ás vivendas, calidade, confort e aforro enerxético. Na parroquia xa se teñen parado proxectos de rehabilitación por culpa da mina. Hai que ter en conta que a crise da construción afecta principalmente á contorna urbana, e sobre todo ás novas vivendas, pero non á rehabilitación.
- Turismo rural.
Corcoesto posúe un gran patrimonio natural, cultural e construcións típicas do rural galego. Algunhas iniciativas neste ámbito tamén xa se paralizaron e os que seguen adiante, fano pensando unicamente en facer rendible o proxecto en base á ocupación por parte dos empregados da mina e das súas contratas.
A realidade vai ser ben diferente do que pensan, pois ningún dos traballadores se aloxará neste tipo de establecementos, onde non poderán durmir, xa que algún deles, atópase á escasos metros das infraestruturas de moenda do material.

 -No peor dos casos, ¿Cales poderían ser as consecuencias ambientais da apertura da mina?

A primeira consecuencia da mina é a ocupación e a contaminación de unhas 700 ha de monte. Esta superficie (8 Km2), que representa a metade da superficie da parroquia de Corcoesto (13,9 km2), sería expropiada ós veciños e contaminada para sempre.

Outra consecuencia case inmediata da mina, sería que a meirande parte das fontes de auga que hoxe coñecemos, desaparecerían.

A peor das consecuencias, e que ademais, segundo os expertos non é imposible que aconteza, sería un accidente con cianuro de sodio. Este material está catalogado coma materia perigosa (moi tóxico e corrosivo), e as consecuencias dun accidente serían desastrosas non só para a poboación de Corcoesto, senón tamén para outras parroquias limítrofes. Dependendo da gravidade do accidente, sería necesario evacuar de xeito inmediato á poboación a máis de 2,6 km de distancia, provocando unha contaminación do entorno con consecuencias moi graves e irreparables.

Outra consecuencia gravísima, sería que se produza unha rotura da balsa de lodos e como consecuencia se produza un gran derrame dos materiais extractivos procedentes da actividade mineira, entre eles, os contaminados con cianuro no proceso de lixiviación. Estas miles de toneladas irán ó río Anllóns e parar a ría de Cabana provocando unha gran catástrofe ecolóxica, semellante a outras que xa teñen acontecido en Romanía e en Aznalcollar en España.

-Se a empresa garantira unhas condicións medioambientais aceptables, ¿Estariades de acordo coa apertura da mina?

Nunca estaríanos de acordo coa apertura da mina, xa que a tecnoloxía que emprega é obsoleta e altamente contaminante. A minaría con cianuro está prohibida en países como Alemaña, Romanía e no propio pais de orixe da empresa, en Canadá. Existe ademais unha resolución do Parlamento Europeo UE B7 0240/2010 instando ós países membros a prohibir a utilización do cianuro.
Si o crecemento económico non é sostible e respectuoso co medio, non é un crecemento que mereza a pena. A crise económica non debe servir de pretexto para aprobar proxectos deste tipo que arruínan o futuro do noso pais.

-¿Que lle diriades aos veciños da zona que están a favor da mina?

O único argumento que utilizan os veciños para defender a mina é o traballo. Ante iso nos dicímoslles que o traballo non dignifica ó ser humano, senón que é o ser humano quen ten que dignificar o traballo. Non podemos admitir que alguén estea disposto a traballar na destrución do seu. Sería inimaxinable que calquera de nós aceptase un traballo ofrecido por unha empresa para destruír a nosa casa. Isto é o que están facendo en Corcoesto, ofrecéndonos un traballo para destruír a nosa parroquia.
En calquera caso, estar en contra da mina non é estar en contra do traballo, pero a xente debe saber que moi poucos de Corcoesto traballarán na mina, sinxelamente porque alí non se atopa man de obra suficientemente cualificada e o postos de traballo ós que poidan optar, serán os menos cualificados, os mais arriscados e os mais baratos.

Por outra banda, trece anos de explotación non son nada e despois a degradación económica da zona será total. Hoxe, o 44% dos pobos abandonados de Asturias son mineiros. Corcoesto non é unha zona degradada como a quere presentar a empresa e tamén agora o Concello. Corcoesto ten un gran potencial agrícola, gandeiro e forestal, e é responsabilidade das Administracións xunto cos cidadáns, dinamizar e apoiar proxectos máis duradeiros e sostibles, que fixen poboación e relancen a economía local. Por desgraza, as políticas nefastas das nosas Administracións son totalmente contrarias co respecto á natureza, á vida e ó futuro, e neste caso concreto, temos a sensación de que están a vender o noso país a prezo de saldo a unha multinacional para que nos explote e destrúa a nosa terra.

Deixamos aquí o enlace por se alguén quere coñecer máis a fondo a opinión da Plataforma.

http://nonaminadecorcoesto.blogspot.com.es/p/mais-informacion.html

E vós que opinades sobre este tema?

Firmado: Arturo e Daniel.